O Ponte Ourense adxudicouse (0-1) o derbi galego ante o Burela FS Pescados Rubén cun gol de Ampi no tramo final do choque. O duelo tivo todos os ingredientes propios dun derbi aínda que sen excesivas ocasións de gol.
O Burela iniciou o choque moi concentrado e gozou dun par de ocasións, Peque e Haydée, nas que a gardameta pontina salvou ao seu equipo. A intensidade máxima marcaba un partido entre dous conxuntos que exercían mellor as tarefas defensivas que o aspecto creativo. O máis perigoso do Ponte foi un disparo de Souza que Jozi desbaratou perfectamente. Nos instantes finais, o maior perigo de gol foi de cor laranxa. O Burela cazou á contra ás ourensás aínda que Peque foi inhabilitada para rematar cando se cantaba o gol en Vista Alegre. A resposta visitante foi un disparo cruzado e raso de Sarita que repeleu o exterior do pau dereito. Na continuación repetiuse o guión inicial. De novo o conxunto burelense puido golpear ao Ponte pero o remate de Peque foi demasiado frouxo e Eva detivo sen problemas.
O Burela cedeu a iniciativa ás ourensás que carecían de creatividade e precisión no pase final. Co Ponte sen espazo para explotar a velocidade de Ampi, o Burela manexaba a situación en busca dun contragolpe certeiro que non chegou e cando se enfilaba a recta final emerxeu o oportunismo de Ampi para situar o 0-1, minuto 36. Ao instante, respondeu Peque cun forte disparo que se estrelou no pau visitante e inmediatamente, Javier Pardeiro optou polo xogo de cinco pero o marcador permaneceu impasible.

No hay comentarios:
Publicar un comentario